A Aula AMTIC de Milladoiro organiza unha xornada sobre o uso responsábel das redes sociais

mércores, 13 de novembro do 2024 S. P.

O mércores 27 de novembro, ás 18:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) unha conferencia sobre o uso responsábel das redes sociais organizada pola aula AMTIC. A charla, dunha hora de duración, abordará cuestións como o uso consciente destas plataformas ou algúns dos perigos asociados a elas. Está dirixida a público a partir de 16 anos. A inscrición pode facerse no teléfono 674 594 843, en horario de 9:30 a 14:00 horas, ou a través do enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, enviando esta ficha cuberta e asinada.
Enmárcase na celebración do Día Internacional da Seguridade da Información. O obxectivo desta actividade é “proporcionar ferramentas e estratexias efectivas para o uso consciente e responsable das redes sociais, e para recoñecer riscos asociados a elas na actualidade”.
A conferencia comezará cunha serie de preguntas e enquisas que os asistentes responderán conxuntamente e de forma oral para que formen unha imaxe global do uso que fan das redes sociais: que tipos de redes utilizan, canto tempo invisten, que é o que buscan nelas, etc.
A continuación aprenderán algunhas pautas para facer un uso responsábel das redes sociais, como poden ser revisar o acceso que teñen configurado nas súas redes, revisar o contido antes de publicalo, ser conscientes do contido que consumimos e como nos afecta este tipo de contido ou filtrar a información que reciben, entre outros.
Finalmente, visualizaranse distintos vídeos nos que se recrearán casos de diferentes perigos asociados ás plataformas como sexting, grooming, problemas de privacidade, phising ou fraudes, e analizaranse as súas consecuencias.
Inscrición
As prazas asignaranse por orde de recepción das solicitudes ata completarse. Para anotarse é preciso enviar esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal. Tamén se pode facer a través do teléfono 674 594 843, en horario de 9:30 a 14:00 horas.