A Factoría Moza de Santiago contará con áreas maker e de coworking

mércores, 15 de xaneiro do 2025 S. P.

O Concello de Santiago propúxose sacar do abandono as estruturas en estado de progresivo que, no barrio de Salgueiriños, ían ser destinadas a albergar o parque comarcal de bombeiros. Esta vontade de recuperación logo de décadas de desleixo vén de frutificar no proxecto Factoría Moza, cuxos detalles foron debullados este mércores 15 de xaneiro pola concelleira de Dereitos, Servizos Sociais e Xuventude, María Rozas, e a técnica de Xuventude no Concello, Noela Vilas.
“A Factoría Moza”, sinalaron, “transformarase nun equipamento deseñado para atender as necesidades e as demandas da xente nova de Santiago”. Será un espazo para a cultura maker e robótica, a creación e interpretación musical, a formación en saúde ou educación sexual, a lectura, a actividade física, a cultura urbana ou o traballo colaborativo e innovador (coworking).
A tenenta de alcaldesa, María Rozas, explicou que unha vez decidido, atendendo a razóns operativas e de seguridade, que o futuro parque de bombeiros construirase en Meixonfrío, o Goberno “viu as potencialidades da estrutura de Salgueiriños para ofrecer á mocidade uns servizos que non podemos facilitar, por falta de espazo, desde o Centro Xove da Almáciga”. María Rozas lembrou que en Santiago están empadroados preto de 9.000 mozos e mozas de entre 15 e 35 anos, e son 23.000 os que están matriculados na USC: “Trátase dun grupo poboacional moi importante, habitualmente bastante esquecido polas administracións, cando é precisamente dos mozos e mozas de quen depende o noso futuro colectivo”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude salientou que con esta proposta “a vontade do Goberno é tamén mudar un espazo degradado, cunha imaxe case apocalíptica despois de case vinte anos coa estrutura de Salgueiriños sen rematar”. María Rozas explicou que, tras avaliar o estado do esquelete e as súas potencialidades, chegouse a un anteproxecto que fala dun edificio cunha superficie construída de case 4.500 metros cadrados, distribuídos en tres plantas.
Ese espazo permitirá que a Factoría Moza atenda a diferentes áreas temáticas. Así, haberá unha zona pensada para a música, con ata sete salas de ensaio e gravación, “fronte ás tres actuais da Almáciga nas que é difícil atender toda a demanda”, e cunha sala de concertos con capacidade para unhas 600 persoas.
Unha segunda zona do edificio de Salgueiriños será para formación, asesoramento e estudo, con aulas, unha biblioteca integrada na rede municipal, espazos para obradoiros, e despachos nos que se prestará asesoramento sobre temas de interese para a mocidade como saúde mental ou educación sexual.
A terceira área temática é a da actividade física, con zona para practicar danza, ximnasio e tamén un espazo maker; e a cuarta é a zona de traballo tipo coworking, que terá acceso independente desde o exterior do edificio.
Por último, haberá unha área de lecer e interacción social, nun gran espazo central a modo de praza cuberta, e con zonas para a práctica do skate e outras disciplinas vinculadas á cultura urbana. María Rozas quixo destacar as posibilidades de ocio que ofrecerá a Factoría Moza, “porque vivimos nun modelo no que é difícil aos mozos e mozas atoparen alternativas que non vaian vencelladas aos centros comerciais ou ao consumo”. A tenenta de alcaldesa tamén salientou que o anteproxecto mantén a gran torre da estrutura de Salgueiriños, que ademais de conectar diferentes plantas servirá de miradoiro e como soporte para anunciar os eventos que se vaian producindo no edificio, “ao tempo que será un elemento que conserve a memoria do propio equipamento e da súa historia”.
María Rozas explicou que os orzamentos municipais de 2025 incorporan a partida necesaria para a redacción do proxecto da Factoría Moza, que o Goberno incluirá na proposta da EDIL, a Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local vinculada a fondos europeos. A concelleira sinalou que o anteproxecto apunta a un orzamento superior aos 4,5 millóns de euros “un investimento moi importante porque falamos dun proxecto moi ambicioso, e polo tanto tamén estamos a traballar na procura doutras vías de financiamento”.