A UNED Ourense propón un Curso de Introdución á Computación Cuántica

xoves, 16 de xaneiro do 2025 S. P.

Dende a UNED Ourense anuncian unha nova edición do Curso de Introdución á Computación Cuántica, que terá lugar no centro universitario do 17 de febreiro ao 31 de marzo. Este curso achegará conceptos de información e criptografía cuántica. Entre os contidos figura unha introdución aos conceptos que se necesitan de álxebra lineal e mecánica cuántica, precisos para afrontar o curso. Ao ser un ciclo de introdución, as aplicacións que se tratan son exemplos sinxelos.
Sinalar que o dito curso consta de 30 horas lectivas e dá dereito a obter 1,5 créditos ECTS. O alumnado poderán asistir en liña, tanto en directo como en diferido. O relator será José Luís López Fernández, profesor titor de Informática na UNED Ourense.
Quen precise comprobar o programa pode facelo na ligazón proposta.
En canto á inscrición, dicir que a matrícula modalidade Estudantes é para persoal alleo á UNED (outras universidades, ciclos FP, Escola Oficial de Idiomas e conservatorios de música). Teñen que achegar copia da matrícula do curso 24-25. Os demandantes de emprego deben achegar certificado actualizado da oficina de emprego. Os participantes de familia numerosa (xeral e especial) teñen que achegar copia do carné ou certificado oficial correspondente.
Para formalizar a matrícula cómpre visitar a ligazón habilitada.
Este curso está dirixido por Timothy Martin Read, profesor Titular de Universidade. Departamento de Linguaxes e Sistemas informáticos. ETS Enxeñaría Informática da UNED. Vai encamiñado a alumnado de carreiras técnicas e, en xeral, a cantas persoas teñan interese nesta tecnoloxía. Recomendan que as persoas participantes coñezan algunha linguaxe de programación clásica (se é posíbel Python) e teñan algún coñecemento elemental de álxebra lineal.
O obxectivo fundamental do curso é difundir coñecementos básicos sobre as tecnoloxías cuánticas, esencialmente computación cuántica e conceptos de áreas relacionadas, información cuántica e criptografía cuántica.
O curso realizarase de maneira telemática na modalidade en liña. As clases gravaranse con obxecto de facilitar o seguimento do mesmo. Explicaranse os contidos e realizaranse exercicios para reforzar a aprendizaxe, empregando a ferramenta Qiskit e Composer de IBM. Comentaranse outras ferramentas que poden usarse para realizar as prácticas. Será preciso para superar o curso aprobar unha proba análoga aos exercicios que se irán resolvendo nas clases así como cubrir a enquisa final de curso. Os participantes realizarán tarefas que se computarán como 4 horas de traballo (a maiores das 26) para a avaliación final do curso.