A Xunta impulsa a formación en comercio dixital para a industria galega
luns, 21 de febreiro do 2022
A Xunta
de Galicia segue a impulsar a formación nos procesos de
internacionalización dixital a través do programa Fórmate
Internacional do IGAPE. Esta iniciativa conta con máis de 400
empresas neste eido e ten o obxectivo de formar ás pemes e autónomos
galegos en iniciativas dixitais de busca de novos mercados.
O programa Fórmate
conta coa participación dos máis destacados marketplaces do
mundo como Amazon e Alibaba. Neste sentido, esta semana un
representante de Alibaba deu a coñecer as características do
xigante asiático; e para o vindeiro 24 de febreiro, está prevista
unha intervención dun voceiro de Amazon.
Con esta iniciativa, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de
Economía, Empresa e Innovación, queren ofrecer “formación para
que o tecido empresarial galego sexa capaz de afrontar un escenario
novo marcado pola pandemia”. Desta maneira, sumado a esta aposta
pola formación, Galicia ven de acadar os mellores rexistros
históricos nas súas exportacións durante o ano 2021, un 21% máis
que no exercicio anterior.
Dende o pasado setembro, Fórmate está a impartir unha nova sesión
temática cada semana, que se pode volver a consultar na plataforma
virtual do curso. Segundo o programa, tamén se lle entregará unha
ficha didáctica aos participantes co resumo dos contidos, así como
un boletín de novas de actualidade relacionadas coa materia tratada.
O curso abrangue temas que van dende mercadotecnia dixital e
loxística, ata como inflúen as diferenzas culturais nos procesos de
negociación e cooperación internacional.