A Xunta solicita o apoio do Goberno central para unha fábrica de IA centrada na saúde

mércores, 15 de xaneiro do 2025 S. P.

O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, mantivo este 15 de xaneiro unha reunión en Madrid coa secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, María González, para presentarlle o interese de Galicia por albergar unha Fábrica europea de IA (Intelixencia Artificial) centrada nas ciencias da vida e solicitar, así, o apoio do Goberno central.
Na reunión tamén participaron a directora xeral de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio, Aleida Alcaide; o vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC, José María Martell; a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta, Carmen Cotelo, e o director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa. O conselleiro de Ciencia agradeceu o espírito de colaboración e a receptividade para un proxecto que “agora deberá desenvolver o traballo técnico e financeiro de xeito conxunto”, dixo.
O obxectivo desta xuntanza foi obter o respaldo do Estado á proposta, requisito fundamental para optar á convocatoria europea do EUROHCP JU (European High Performance Computing Joint Undertaking), o consorcio europeo dedicado á supercomputación.
A potencial candidatura impulsada desde Galicia está liderada polo CESGA e impulsada pola Xunta de Galicia e co apoio científico do CSIC como patrón do CESGA e “susténtase na solidez da I+D+i galega”, explicou o conselleiro, destacando que o Goberno de España valorase “moi positivamente” a iniciativa que a Xunta desenvolve no CESGA e os proxectos que están poñendo en marcha.
A delegación do Goberno galego desprazado a Madrid sinalou que esta futura Fábrica de IA “permitiría impulsar a creación e fortalecemento de startups, mellorar a competitividade das empresas, atraer talento e crear emprego a través de novas infraestruturas a disposición de todos os axentes dos sectores vinculados ás ciencias da vida, como a investigación sanitaria ou a biotecnoloxía. Isto permitiría acelerar enormemente a innovación e a investigación nestes ámbitos”.
Engadiron que as fábricas de IA “son espazos onde se deseñan, proban e implementan solucións de IA” e para “acadalo contan coas infraestruturas tecnolóxicas necesarias, ofrecen talento investigador e dótanse de ferramentas avanzadas”; deste xeito, as fábricas funcionan “como centros de innovación que aceleran a creación de aplicacións intelixentes, fomentan a colaboración entre empresas, universidades e centros de investigación e contribúen ao fortalecemento dun sector dixital avanzado e competitivo”.
O Goberno galego lembrou qu esta proposta “non parte de cero nesta carreira por acadar unha factoría europea de IA”, senón que “xa conta cun sistema sólido integrado por centros de investigación das tres universidades públicas galegas, clústeres empresariais, hubs de innovación dixital con carácter europeo, fundacións de investigación sanitaria e entes e axencias especializadas das Administracións autonómica e estatal”. Apóiase, ademais, nas Estratexias de especialización intelixente (RIS3) e de Consolidación da biotecnoloxía de Galicia como follas de ruta das políticas públicas. Así mesmo, conta co apoio científico do CSIC, a principal institución científica a nivel estatal con centros de investigación en todo o territorio español e padroa e segunda máxima usuaria do CESGA.
A factoría de IA galega sumaríase e complementaría as outras factorías europeas que veñen de ser concedidas recentemente como a do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS). No caso da factoría galega estaría especializada na área das ciencias da vida baixo o concepto de one health, que procura equilibrar e optimizar de maneira sostible a saúde das persoas, os animais e os ecosistemas.