A alcaldesa de Lugo reúnese co presidente dos enxeñeiros técnicos de Telecomunicación galegos

mércores, 13 de novembro do 2024 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo este martes 12 de novembro unha reunión institucional co presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia, COETTGA, José Manuel Martínez, na que abordaron a celebración das próximas actividades do colectivo na cidade de Lugo como os retos aos que se enfrontan estes profesionais para acadar a mellora da conectividade nos núcleos rurais galegos.
A rexedora municipal sinalou que “o traballo destes profesionais é clave para garantir as comunicacións e desta forma xerar novas oportunidades económicas e sociais no rural”.
Paula Alvarellos tamén se interesou pola marcha deste órgano colexial, constituído no 2004, e polas actividades que desenvolverán nas vindeiras datas, así como polos retos de futuro que moven a este colectivo, entre os que se atopan estender a cobertura móbil e a banda larga nos concellos, como vías para a erradicación da fenda dixital, ao tempo que se avanza na implantación da fibra óptica, a 5G, a conexión por satélite e a Internet das Cousas. A rexedora sinalou que “o obxectivo de garantir a conectividade nos núcleos rurais tamén é prioritario para este Goberno local; no caso do municipio se están a dar importantes avances cos que mellorar a cobertura da telefonía móbil”.