Alba Meijide mostrou no CITIC como empregar a IA para avanzarmos en sustentabilidade
mércores, 11 de decembro do 2024
O CITIC da UDC acolleu este martes, 10 de decembro, a conferencia da consultora e deseñadora de proxectos Alba Meijide titulada Innovación Responsable, na que abordou como as ferramentas da Intelixencia Artificial poden converterse en recursos útiles para avanzar cara a un futuro sostíbel. A través de dous exemplos prácticos, explicou como o deseño eficiente de sistemas de IA permite combinar sustentabilidade e eficiencia na utilización dos recursos dos que dispoñemos.
No primeiro exemplo, cun enfoque técnico, destacou a importancia de desenvolver modelos sostíbeis de IA. Meijide fixo fincapé na necesidade de implantar sistemas eficientes que substitúan procesos altamente enerxéticos. Para ilustralo, presentou un proxecto de xestión de localizacións de rodaxe. A IA aplicada neste caso permite optimizar a busca de diferentes escenarios mediante un mapa interactivo que tamén inclúe información sobre hoteis, empresas de catering e outros servizos relevantes para a produción. Este sistema emprega redes neuronais convolucionais, deseñadas especificamente para traballar con imaxes, e optimiza o consumo enerxético durante o proceso de adestramento dos modelos.
No segundo exemplo, partindo dun enfoque creativo, explicou como os proxectos baseados en IA poden optimizar procesos e reducir o consumo de recursos, abrindo novas posibilidades en sectores diversos.
Entre as conclusións, destacou que a IA xenerativa representa “un desafío pola súa elevada esixencia computacional, pero tamén unha oportunidade se se toman decisións técnicas axeitadas no deseño dos sistemas”. Subliñou a importancia de “avaliar e elixir modelos de IA eficientes, con independencia da súa aplicación, para garantir a sustentabilidade e maximizar o impacto positivo”.
Esta conferencia, enmárcase na actividade organizada pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, que ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da IA e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostíbel e á protección do medio ambiente.
Alba Meijide, licenciada en Intelixencia Artificial pola University of Manchester, conta cunha ampla experiencia no deseño de solucións baseadas en IA aplicadas a diversos sectores, como a medicina, as ciencias da saúde, os efectos visuais, a animación, o turismo e o ámbito legal.