As empresas do Clúster TIC Galicia pecharon 2023 coas vacantes de emprego cubertas, o dobre que en 2024

mércores, 13 de novembro do 2024 S. P.

Segundo os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da AMTEGA, vense de confirmar unha tendencia á alza na xeración de emprego no eido tecnolóxico. Di este organismo que, no ano 2020 o sector TIC empregaba a 19.343 persoas en toda a comunidade; en 2023, esta cifra situábase en 22.932 persoas (arredor de 3.600 novos contratos) o que significa un aumento dun 18,5% en só 3 anos.
Dende o Clúster TIC Galicia, a través do seu Servizo de Emprego, descubriron 516 vacantes entre as súas empresas socias, o dobre que en 2023, cando se rexistraron 260. “Estes postos de traballo cubríronse, pero o sector segue medrando, e agora identificamos máis demanda de persoal por parte das nosas asociadas”, sinala Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.
Das 516 vacantes detectadas polo Clúster TIC Galicia, o 58% corresponde a expertos en desenvolvemento de software, principalmente backend, seguidos de front end e full stack. O 23% son postos para perfís do ámbito de sistemas (administradores, técnicos ou enxeñeiros de soporte, ciberseguridade, etc.) e o 19% restante distribúese entre xestores de proxectos, analistas de procesos, de datos ou de Intelixencia Artificial. Do cómputo total, preto do 80% (409) corresponde a perfís sénior (máis de tres anos de experiencia profesional), e un 20%, a perfís júnior.
As empresas asociadas do Clúster TIC Galicia, a través dos seus departamentos de talento, achegan ideas e accións para a posta en marcha e dinamización de actividades orientadas á captación de talento para o tecido tecnolóxico galego.
Neste senso, o Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, lanzou un programa de formación sectorial que capacitou a máis de 8.000 alumnos e alumnas entre 2022 e 2024, a través dos 350 cursos.
Asemade, impulsa o Campus Dual TIC, unha iniciativa para formar de maneira áxil e práctica aos perfís dixitais máis demandados polas empresas tecnolóxicas.
Cómpre sinalar tamén o acordo pioneiro que asinou este ano a entidade co IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña, un modelo experimental de FP Dual Multiempresa, polo cal o alumnado do ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma deste centro recibirá, amais da formación académica, formación conxunta xestionada polo Clúster TIC Galicia, enfocada á realización de proxectos empresariais con carácter previo á súa incorporación a empresas colaboradoras, coa intención de mellorar a súa capacitación técnica e práctica.
Outra das actividades nas que participa activamente a entidade é o programa “Que non te enleen. Ti elixes” da Xunta, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que procura favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres. Con este obxectivo, mulleres profesionais de empresas socias do Clúster TIC Galicia impartiron diferentes charlas en 14 centros educativos o pasado curso escolar e este ano volverán realizar estas sesións para promover as vocacións STEM entre o alumnado de 3º e 4º da ESO.