En febreiro volven as JAI con catro mesas redondas e medio cento de relatorios

xoves, 16 de xaneiro do 2025 S. P.

Regresan este mes de febreiro os históricos encontros JAI (Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial) da UVigo tras dúas décadas unindo o mundo profesional e o universitario arredor das tecnoloxías industriais máis avanzadas, a robótica e da Intelixencia Artificial. A décima edición destes encontros celebrarase do 10 ao 14 de febreiro, novamente na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo e unha vez máis impulsadas por Ignacio Armesto, profesor da Área de Enxeñaría de Sistemas Automática da UVigo.
A cita reunirá profesionais, investigadores e estudantes de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa, do resto da Península e doutros países europeos e contará na súa axenda cun variado e completo programa de mesas redondas, charlas e demostracións, que se poden consultar na web das JAI.
A listaxe de mesas redondas está formada por Transformación da industria. Novos modelos produtivos (o luns 10 de febreiro, moderada por José Luis Casal, de CIONET); Robótica, Automatización e Intelixencia Artificial: claves do futuro 5.0 (o martes 11 de febreiro e organizada por AER Automation, contando con profesionais expertos das compañías BitMetrics, Pilz, Tecnalia, Bosch-Rexroth, Festo e Kuka); Ciberseguridade industrial (o mércores 12 de febreiro, organizada por ISA España e reunindo a expertos de Ree, Govertis, FINSA e Stellantis); e Investigación en robótica (o xoves 13, organizada por HispaRob, contando con docentes e investigadores das universidades Carlos III de Madrid, Stanford, Sevilla e Naples Federico II).
Ademais, as JAI contarán no seu programa con medio cento de relatorios de expertos de empresas sobranceiras no eido da automatización, a robótica e a Intelixencia Artificial industrial, abordando cuestións como a IA, a Industria 4.0, a dixitalización, a robótica colaborativa e sensitiva, os xemelgos dixitais, a Internet das Cousas, o mantemento preditivo, a sustentabilidade ou a protección tecnolóxica (ciberseguridade).
Os relatorios serán achegados por profesionais de empresas e entidades como a Fundación Diego González Rivas, OPC, Russula, CTAG, LogicMelt, Endress+Hauser, Innomotics, Kivnon, Sick, Kuka, Omron, Robotnik, Becolve, Siemens, Inprotech, Weidmüller, AER, Rittal/ePlan, IFM, Rexroth, Schunk, Binarial, Infranor, Weg, Beckhoff, Pilz, ISA, Bonfiglioli, Festo, Banner Engineering, Murr Elektronik, MIR, Phoenix Contact, Tecdesoft, RobotPlus, HispaRob, Cognex, ESET, Harting, Nozomi, Leuze, AuthUSB e IEEE Robotics & Automation Society.
A axenda inclúe tamén unha mostra ou sala de demostracións de sistemas onde as persoas asistentes poderán interactuar coas propostas de automatización máis revolucionarias e mergullarse en casos reais da súa aplicación.
As persoas interesadas en acudir ás xornadas poden inscribirse nas mesmas antes do 31 de xaneiro a través da web das JAI.
Dende 2004
As JAI comezaron a súa andaina no ano 2004. Nadas a xeito de foro de reunión de empresas do sector co alumnado e co profesorado, estas xornadas teñen a vontade de dar a coñecer as últimas tendencias e novidades nos ámbitos da automatización, dixitalización e robotización industrial. Fano a través de mesas redondas e relatorios, principalmente. Ademais, as JAI contan cunha zona expositiva, con demostradores dalgunhas das tecnoloxías presentadas no evento, nos primeiros anos (principalmente) autómatas programábeis, sistemas de control distribuído ou robots industriais e, agora, cunha presenza cada vez maior de Intelixencias Artificiais, tecnoloxías de Aprendizaxe Profunda e Internet das Cousas ou contribucións á Realidade Virtual e Aumentada, sen esquecer novidades en xemelgos dixitais, inspeccións aumentadas, monitoraxe de máquinas, converxencias en redes industriais, rastrexabilidades intelixentes, tecnoloxías de visión 3D ou intraloxísticas automatizadas, temas todos eles abordados nas máis recentes edicións das JAI.