O Concello de Santiago e GAIN salientan os avances dados polo proxecto smart local
venres, 11 de marzo do 2022
Este 10 de marzo reuniuse
a terceira comisión de seguimento e coordinación do convenio entre
Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Concello de Santiago de
Compostela para o proxecto Smartiago. Tanto o responsábel do
proxecto, Sindo Guinarte, como Patricia Argerey, directora de GAIN,
coincidiron en sinalar os avances que se están dando nas tres liñas
de actuación coas que conta o programa e esperan chegar a fin de ano
co proxecto executado.
As tres liñas de actuación son o sistema intelixente e tratamento
de residuos (RSU), iluminación ornamental led biocida (Cromalux) e
mobilidade (sistema de mobilidade smart). Sindo Guiarte
indicou que o proxecto de mobilidade “está moi avanzado no seu
despregue” e que agora toca testear a través da plataforma
tecnolóxica.
No que respecta á iluminación ornamental “estamos
comprobando que ralentiza e mesmo impide que medre a microbiota na
pedra dos edificios” sinalou. No caso dos RSU (Residuos Sólidos
Urbanos), Guiarte destacou que se está desenvolvendo “segundo o
previsto”. Pola súa banda Patricia Argerey, indicou que están moi
satisfeitos con estas solucións tecnolóxicas que están atopando
para dar resposta ás necesidades da cidadanía.
O proxecto Smartiago é unha estratexia deseñada para responder aos
retos de innovación, implicando no proceso a axentes do Sistema
I+D+I local, rexional e estatal. É un reto que lidera o Concello de
Santiago e que conta cun co-financiamento FEDER, este desenvólvese
grazas a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da
Innovación dende a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e
Innovación e o Concello de Santiago. Está financiado nun 80% polo
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e un 10% aporta a
Axencia Galega de Innovación (GAIN).