TikTok volve ás tendas de aplicacións de EE.UU.

venres, 14 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

No mes de xaneiro o Tribunal Supremo dos EE.UU. confirmou a prohibición de TikTok a partir do 19 de xaneiro se a compañía non deixaba de estar controlada por capital chinés, e aínda que tras a toma de posesión de Trump o 20 de xaneiro aprobouse unha orde executiva dando 75 días á nova Administración para buscar unha solución á situación, a prohibición da aplicación xa entrara legalmente en vigor, polo que Google e Apple mantiñan a TikTok fóra das súas tendas de aplicacións.
Pero a situación mudou lixeiramente nas últimas horas, xa que a fiscal xeral dos EE.UU., Pam Bondi, remitiu unha comunicación a Apple e Google indicándolles que polo momento non esixirán a execución da prohibición de TikTok, permitíndolles a restauración da aplicación nas súas respectivas tendas dixitais.
Descoñécese como progresará a situación, pois semella moi difícil que ByteDance acepte as condicións que quere impor EE.UU., e incluso TikTok chegou a ofrecer a súa aplicación en formato APK para a descarga fóra das tendas de aplicacións, pero o que parece claro é que, mentres continúan as negociacións con ByteDance, queren que a aplicación continúe a estar dispoñible para a súa descarga, sendo isto especialmente relevante estes días, pois a semana que vén está previsto que se anuncie un novo iPhone SE, e que os compradores de tal móbil non poidan instalar unha das aplicacións máis populares entre a mocidade podería verse como todo un drama.