Xuventude de Santiago organiza unhas xornadas de sensibilización sobre as tecnoadiccións dirixidas ás familias
mércores, 13 de novembro do 2024
O Concello de Santiago, a través do departamento de Xuventude, impulsou unhas xornadas de sensibilización sobre a problemática das tecnoadiccións, dirixidas ás familias. A concelleira María Rozas e a técnica do departamento Noela Vilas presentaron este 13 de novembro o programa, que ten como obxectivo “achegar ás nais e pais as claves de cara á educación das crianzas no uso dos dispositivos dixitais” e que completa outros programas impulsados pola Concellaría para previr a adicción ás pantallas.
A concelleira explicou que “son xa moitos os estudos e os datos que nos alertan de que temos un grave problema de adicción ás pantallas na nenez e na adolescencia, e as administracións estamos obrigadas a actuar, non só a local”. María Rozas lembrou que desde o departamento de Mocidade “impulsamos xa actividades de prevención da adicción ás pantallas dirixidas a adolescentes, que desenvolvemos nos centros de ensino e que repetiremos, pero queremos ir máis alá e concienciar tamén ás familias dos riscos que supón o mal uso destes dispositivos”.
Rozas citou o estudo sobre mocidade e Internet en Galicia, presentado en maio por iCMedia, que sinalou que o 47,2 % dos mozos e mozas galegas recoñece ter algún tipo de trastorno psicolóxico ou peores notas por pasar demasiadas horas en Internet; un de cada tres admite ter problemas de sono; o 15% falan de cambios de humor, o 11% de problemas de ansiedade, o 10 % de ataques de ira, e case o 8% de illamento social pola adicción ás pantallas.
Na mesma liña, citou o estudo elaborado en 2022 pola Universidade de Santiago en colaboración coa Fundación Barrié, o maior estudo realizado sobre o uso das TIC por parte dos adolescentes galegos, nos que participaron máis de 10.000 mozos e mozas. Nese informe alertábase de que o 44% dos adolescentes recoñecía consumir pornografía en liña; o 42% recoñecía ter intercambiado mensaxes sexuais online, o coñecido como sexting; e 1 de cada 5 rapaces e rapazas dicían sufrir acoso escolar relacionado co consumo de videoxogos.
O autor deste informe, o doutor en Psicoloxía e profesor titular da área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago, Antonio Rial Boubeta, será o encargado de abrir o programa, cunha charla o 20 de novembro. No seu relatorio, o profesor achegará as claves para promover un uso seguro e saudable das pantallas na nenez e na adolescencia, e para coñecer o impacto destes dispositivos no desenvolvemento dos máis novos.
Xa no mes de xaneiro están previstas outras dúas conferencias. O mércores 15 haberá un novo relatorio coa pedagoga Anabel Mosquera, experta en prevención de condutas de risco con menores cunha ampla experiencia no desenvolvemento de programas de prevención. Por último, o 22 de xaneiro será a quenda de Ramón Molina, educador social e responsábel dos obradoiros de prevención das adiccións ás pantallas impulsados pola concellaría de Xuventude e dirixidos a alumnado de Primaria e Secundaria.
Todas as sesións serán na Casa das Asociacións de Cornes, a partir das 18.30. A entrada será libre, ata completar a capacidade da sala.
A concelleira de Xuventude anunciou tamén que se está a traballar nunha nova edición do programa de prevención da adicción ás pantallas que se desenvolverá nos centros educativos. María Rozas mostrouse moi satisfeita cos resultados da primeira edición, “tanto polo interese que suscitou nos colexios, como polos resultados das sesións”. Nese sentido, a técnica do departamento, Noela Vilas, explicou que “moitos mozos e mozas dirixíronse á concellaría para mostrar o seu agradecemento porque o programa lles permitira descubrir un problema que non eran conscientes de que tiñan”. Tal e como apuntou, neste curso reforzarase o programa co dobre de sesións, nos que participarán máis dunha ducia de centros educativos.