A aceleradora de R lanza os seus primeiros cinco retos tecnolóxicos

martes, 11 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A aceleradora de proxectos tecnolóxicos de R, Startups DiCo Challenge, xa comeza a facer ruído. A iniciativa, unha palestra de propostas de contidos dixitais para xerar emprego e impulsar a nosa innovación TIC, lanzou hoxe os seus primeiros cinco retos para emprendedores e empresas galegas: cinco desafíos sobre como enriquecer contidos deportivos, sobre aplicacións para Android TV, sobre contidos formativos e divulgativos innovadores, sobre información a gran escala (Big Data) aplicada ao consumo televisivo e sobre outras propostas tecnolóxicas abertas. As ideas xa se poden presentar a través do formulario habilitado na web da aceleradora, ata o 8 de febreiro.
Como lembraremos, a palestra Startups R DiCo Challenge foi presentada o pasado 27 de novembro na Coruña, nunha cita que tamén contou coa presenza a axencia autonómica AMTEGA, que tamén colabora na iniciativa (a través do programa DiCo Mindset). Segundo se fixo saber daquela, o obxectivo é que R sexa aceleradora, acubillo, lanzadeira, academia formativa e mesmo beneficiaria das achegas innovadoras. Buscarase, de feito, facer rendibles as propostas que xurdan de DiCo Challenge e atoparlles unha saída áxil e eficaz ao mercado, “mesmo con R como primeiro cliente”.
Respecto dos cinco primeiro retos que abrollan da aceleradora, están dirixidos a emprendedores e empresas novas ou consolidadas. O primeiro dos desafíos convoca ás nosas firmas innovadoras para achegar sistemas que enriquezan os contidos deportivos. “Trátase de lle tirar partido ás posibilidades dos datos e de Internet para conseguir experiencias intensificadas na contorna do deporte na pantalla: xogos, publicidade, sincronización con aplicacións, elección de cámara...”, informou R.
Respecto do segundo desafío, procura aplicacións para Android TV: tanto no que se refire á vertente de contidos xerados pola comunidade de usuarios (por exemplo, os vídeos compartidos) como no ámbito do gaming, os xogos e as competicións en streaming dende a tele.
O terceiro dos convites consiste nunha proclama a elaborar solucións para sermos quen de divulgar e formar ás persoas aproveitando todas as posibilidades do universo dixital: realidade aumentada, simulación tridimensional, audiovisual, videoxogos, televisión conectada, etc.
O cuarto reto, patrocinado pola Televisión de Galicia, consiste nun chamamento a desenvolver ferramentas baseadas nos datos a gran escala para o consumo televisivo. Con este convite, búscanse ideas para “recoller, ordenar e aproveitar os datos cara un consumo televisivo intelixente que nos permita tomar decisións informadas”, informan R e a TVG.
O quinto e último desafío é o chamado reto aberto, pensado para “os máis innovadores”, aos que non seducen os retos anteriores. A única condición que se esixe neste caso é que os proxectos acheguen “algo novo” no eido dos contidos dixitais (realidade aumentada, Internet das Cousas, aplicada a contidos dixitais, ferramentas de animación...)
Na web da aceleradora pode consultarse xa toda a información sobre os cinco retos de startups R DiCo Challenge, que se poden presentar ata o 8 de febreiro a través do formulario habilitado na páxina. Un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda elixiranse os 5 proxectos definitivos. Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Ao tempo, os 5 retos seleccionados, que poderán tirar proveito do espazo startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man con R e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores de R e beneficiaranse, en palabras da compañía, “do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo.”