A galega Factoría Eurodigital impulsa na Rede, en 360º, o turismo das Canarias

martes, 25 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Factoría Eurodigital, responsable de iniciativas de turismo en liña como Descubregalicia.com ou a visita virtual a Cabeza de Manzaneda, vén de presentar novas achegas de coñecemento en liña da nosa contorna (con vistas a complementar e enriquecer, precisamente, o coñecemento tradicional destas contornas). Trátase dunha web para abordar as Illas Canarias dende un plano virtual e dunha páxina sobre o pulo turístico de Maspalomas, postas en marcha con motivo do Día Mundial do Turismo e da celebración dos 50 anos de vida da iniciativa Maspalomas Costa Canaria, xurdida para converter esta localidade nun dos centros vacacionais máis importantes de Europa.
As devanditas webs da Factoría responden ao acordo asinado co concello de San Bartolomé de Tirajana, onde se empraza precisamente o devandito enclave turístico que arestora se atopa de conmemoración. Con este motivo, púxose en marcha “un enorme esforzo de promoción” contándose coa axuda e experiencia da empresa galega, que concibiu e desenvolveu un completo percorrido virtual en 360º, interactivo, polos principais puntos de interese turístico de Maspalomas.
A iniciativa dupla subministra unha serie de vantaxes a ter en conta. En palabras da Factoría, estamos ante un recurso que, sobre todo, “achega fidelidade con respecto á información visual que contén”. E segue o director da empresa de Pontevedra, José Manuel García: “Esta sensación de realidade ao vernos rodeados polas imaxes, resulta moi gratificante porque contribúe a manter vixente o factor emocional que sempre envolve unha viaxe vacacional ou de pracer”. Ao seu xuízo, estamos ante un proxecto especialmente ambicioso que ten “finalidade principal converter unha das principais localidades do mundo dende o punto de vista do lecer no primeiro destino turístico virtual en 360 graos, interactivo, de toda Europa”.