A nosa lingua incorporou nun ano máis de 2.000 neoloxismos, moitos deles ligados ás TIC

xoves, 25 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

As empresas, as sociedades, as culturas, o noso xeito de comunicarnos entre nós e cosas cousas, transfórmase de continuo co espallamento das novas tecnoloxías. E a nosa fala tamén. Segundo un estudo do Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo, a lingua galega acubillou só no último ano máis de 2.000 neoloxismos, gran parte deles relacionados coa sociedade dixital. Por exemplo: webisodio, cibercrime ou bioinformática. En total detectáronse 2.144 novos termos.
A investigación foi feita por un equipo de traballo dirixido polos docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Xosé María Gómez Clemente e Alexandre Rodríguez Guerra e do que tamén forman parte as investigadoras Ana Fernández Berrocal, Gema Rocha Molina e Anabel Garrido García.
As investigadoras salientan casos de todos os ámbitos, non só do ámbito TIC: sexodiversidade, webisodio (episodio dunha serie producida para Internet), neorretranca, cinear (dirixir películas), eucaliptizar, deseucaliptizar, deseucaliptizador, ecocabicha, biodanza, biofilm, bioinformática, cibermedio, cibervoluntario, cibercrime, ecofascista, ecocidade ou ecogranxa. Tamén destacan préstamos directamente ligados ás redes e á formación innovadora, como podcasting, hater (relativo a unha rede social) ou mentoring.
Segundo engaden, a meirande parte destes candidatos a neoloxismos créanse a partir de procedementos que identifican como “formais” (recuncamento, breoganista, museable; anti-austeridade, neotopónimo, contrapiquetes; secapastas; aerotermia, autopublicidade...), unha oitava parte son estranxeirismos “maioritariamente sen adaptar” (quiche, photocall, fake news, calzone...) e hai tamén exemplos de neoloxismos semánticos (tuiter, tubo...).
A investigación tamén pon nomes aos medios de comunicación que serviron de base ás pescudas dos novos termos, entre os que se inclúe o noso, Código Cero, por ser un medio especializado, precisamente, noutro ámbito de actividade especialmente cambiante e suxeito a transformacións miúdas, complexas e continuas: o ámbito das novas tecnoloxías da información. Tamén inclúen a Galicia Confidencial, GCiencia, Praza Pública, Sermos Galiza ou o propio Diario Dixital da Universidade de Vigo, o DUVI.
Os resultados de investigación foron presentados recentemente na III Xornada de Neoloxía celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución e na que se contou coa participación de Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, departamento que leva varios anos colaborando co observatorio; o propio persoal do observatorio, e de Judit Freixa, coordinadora do Observatori de Neologia da Universitat Pompeu Fabra. Ademais contouse tamén coa asistencia, entre outros, do profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, coordinador do grupo de investigación TALG, Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega, ao que pertence o propio Observatorio de Neoloxía.
A día de hoxe, a Neoteca da Uvigo contén máis de 10.000 rexistros neolóxicos identificados e documentados nun corpus de prensa galega publicada desde 1997. Cada rexistro inclúe información contextual, datación, fonte, categoría gramatical e procedemento de formación léxica.