Dous profesores galegos emprazan a web do SERGAS como referente en materia de contidos

venres, 26 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A web do Servizo Galego de Saúde está na vangarda dos servizos da eAdministración en materia de subministro de información. Esta é unha das mensaxes que lanza un estudo sobre sanidade electrónica que certifica que as TIC son e seguirán a ser importantes “aliadas” para as institucións públicas, máis preto da cidadanía, máis áxiles e eficaces e máis sostibles en base a esta aplicación TIC. Este estudo vén da man de dous profesores galegos, Xosé Mahou da Universidade de Vigo, e Ramón Bouzas, da de Santiago de Compostela, que xuntaron folgos para avaliar en detalle o que están a poñer en xogo, de positivo e negativo, as web institucionais das 17 comunidades autónomas, comparando as achegas por rexións. Entre as conclusións fornecidas, sitúase á web do SERGAS como referente, “sobre todo no que atinxe á oferta informativa”.
A exhaustiva investigación, que vai ser presentada a vindeira semana nun congreso internacional organizado polo CLAD, Centro Latinoamericano de Administración para el Desarrollo, informa que o portal do SERGAS arroxa os mellores resultados das 17 comunidades autónomas, “con contidos variados, ben estruturados, comprensibles e cunha boa prestación de servizos”. A diferenza da maioría das webs analizadas, sinalan os autores deste estudo, a web galega si ofrece a posibilidade de solicitar a tarxeta sanitaria e cita previa, consultar as listaxes de agarda, escoller médico ou acceder á historia clínica.
Porén, os dous profesores advirten que unha boa puntuación da páxina web do sistema sanitario non significa que o servizo de saúde sexa de calidade. E explican: “Galicia é o paradigma perfecto, xa que, a pesar de que o portal é bo en comparación cos outros, o funcionamento do SERGAS dista moito de ofrecer un servizo eficiente con consultas médicas ateigadas de pacientes, sen persoal médico e enfermeiro e con demoras nas listaxes de agarda”, di o profesor da institución viguesa.
En termos xerais, os investigadores chegan á conclusión de que os sitios das administracións do eido sanitario, estatal, están ben estruturados e contan cunha boa achega de datos, pero advirten, ao mesmo tempo, que estes datos e estes servizos son escasamente accesibles para a cidadanía, pois os recursos de comunicación son limitados. Destacan, no eido positivo e como referente europeo en materia de eAdministración, ferramentas como o portal da Axencia Tributaria, o da Seguridade Social ou de Atención á Cidadanía.