Mindsait, R e Altia xuntan forzas para converter Lugo en cidade smart
mércores, 19 de decembro do 2018
O
proxecto de Lugo para transformarse en cidade smart, do
que comezamos a dar detalles consolidados en 2016 con motivo da
confirmación do seu orzamento inicial (4,1 millóns de euros),
vén de recibir un importante pulo empresarial. O motivo? A alianza
formada por tres empresas punteiras do sector tecnolóxico (as
galegas R e Altia,
e máis Mindsait, do grupo
Indra) para deseñar, como socias tecnolóxicas do Concello de Lugo,
solucións avanzadas smart no marco do proxecto de
transformación dixital de Red.es. O obxectivo específico, segundo
fai saber a UTE (Unión Temporal de Empresas) constituída por R,
Altia Mindsait, é “mellorar a calidade de vida da cidadanía e a
eficiencia dos servizos públicos, así como impulsar a participación
e a transparencia a través de novas canles de recompilación e
difusión dos datos”.
A
UTE tamén fornecerá á cidade galega dunha solución de
arquitectura de rede que facilitará o intercambio de información
entre os distintos sistemas e a integración futura dunha plataforma
de obxectos conectados: Internet of Things (IoT). A maiores,
as empresas equiparán ao Concello cos equipos de hardware e software
precisos para acubillar todas as solucións que abrangue a iniciativa
de Lugo como Cidade Intelixente.
Polo
que se refire ao ámbito da Administración Electrónica, a UTE
xerará unha solución que posibilitará “a xestión completa de
calquera expediente ou trámite administrativo sen desprazamentos nin
papeis, así como o envío de notificacións e a interoperabilidade
con outras administracións públicas”. Isto, en palabras das
empresas e do Concello lucense, “suporá un importante aforro de
custos”. En termos máis concretos, o que se pretende é que a
veciñanza estea en disposición de interactuar de maneira áxil coa
administración local a través da sede electrónica, rexistrar
dixitalmente as súas solicitudes ou xestionar electronicamente a
tramitación de expedientes.
Outro
dos puntos onde se vai poñer o foco é no tráfico e nas medidas que
favorezan a circulación e o estacionamento, ao tempo que se traballa
na sustentabilidade. Así, porase en xogo unha aplicación móbil que
achegará aos usuarios-condutores datos en tempos real sobre as
prazas de aparcamento dispoñibles, mostrando os itinerarios ata as
mesmas e minimizando o tempo que decote se emprega na súa procura,
reducindo en última instancia a contaminación dos vehículos.
A
UTE tamén implantará no termo municipal de Lugo unha solución de
xestión intelixente de refugallos para facer realidade rutas
dinámicas de recollida, así como a obtención de estimacións de
incremento ou diminución dos residuos por ruta e por colectores, “en
función da época do ano ou a composición demográfica da zona”.
Tamén
se pretende reducir as facturas de enerxía e de auga. Para isto,
habilitaranse sistemas de xestión da iluminación pública, tanto
en contorna rural como urbana, e ferramentas para o seguimento dos
consumos así como sensores da temperatura, humidade e CO2 en seis
edificios públicos co fin deseñar un plan de optimización
enerxética.
Ademais,
porase en marcha un sistema de contadores intelixentes da auga, que
permitirá contar cun mellor control do consumo da auga e dos patróns
do dito gasto, buscando “optimizar o servizo ou coñecer o importe
antes da emisión de factura, reducindo os desprazamentos dos
técnicos municipais”.
A
maiores, habilitarase unha plataforma de xestión intelixente de
infraestruturas locais que facilite información cartográfica
actualizada e xeorreferenciada dos expedientes e activos da cidade.
“O obxectivo”, salienta a UTE, “é incrementar a transparencia
e aforrarlles desprazamentos aos cidadáns para a súa consulta”.
Esta plataforma, engaden as empresas, brinda un modelo tridimensional
da cidade que permite obter medidas precisas de posicionamento
mediante GPS para xerar un inventario real de información que
posibilite a planificación exacta de novos espazos tecnolóxicos en
mobilidade, optimización de limpeza viaria ou mellora da
accesibilidade.
Por
último, a UTE desenvolverá un portal de datos abertos que porá a
disposición de cidadáns e empresas información sobre o Concello de
Lugo para que poidan utilizala e tratala a través de aplicacións e
servizos. O portal integrará unha plataforma de participación
cidadá que lles permitirá aos lucenses colaborar coa Administración
local mediante a comunicación de suxestións, reclamacións e
incidencias, así como a realización de enquisas directas á
cidadanía e a consulta do rueiro xerado desde o Sistema de
Información Xeográfica (GIS) municipal.
