O innovador filme galego Linko prepara a súa estrea cun concurso de curtas

venres, 10 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Dende A Coruña chéganos un salientable certame audiovisual (bases en PDF) que en certa maneira vai dirixido a abranguer o mellor de dous mundos ligados ao cinema: o anterior ao chegada das tecnoloxías dixitais (cando as cousas se facían con cámaras de Super 8, 16 e 35 mm e logo se revelaban, montaban e proxectaban) e o posterior a estas aplicación. O concurso, que está organizado e promovido polo selo de Ignacio Benedeti (IB Cinema), xira arredor dun innovador filme do mesmo selo e que arestora está pendente de estrea, a longametraxe de ciencia ficción Linko, obra que pasa por ser a primeira achega española que inclúe unha mestura de personaxes reais con fondos integramente deseñados a través de síntese dixital. Pois ben, para ir preparando o terreo das potencialidades deste achado e mover á reflexión sobre os camiños que vai ir percorrendo o cinema, IB Cinema convida a directores de todo o eido estatal a realizar unha curtametraxe que sirva de preludio a Linko, obtendo a obra vencedora o privilexio de ser distribuída en 35 mm.
O obxectivo da produtora é chamar a atención sobre os moitos atrancos que teñen os directores para levar as súas curtas aos cinemas comerciais, amais de acadar para a obra vencedora unha difusión que decote soe estar fóra do alcance deste tipo de achegas, normalmente “circunscritos a festivais especializados e as diferentes canles de Internet”. Como dixemos, a curta que se impoña será pasada a formato cinematográfico de 35mm, cos gastos de laboratorio pagados e precederá tódalas copias de estrea da longametraxe Linko, dirixida por Xosé Zapata e David Valero, e interpretada por Críspulo Cabezas e Manel Barceló. Esta obra, por certo, ten prevista a estrea en cinemas comerciais para o primeiro trimestre de 2011, tras unha xira por diversos certames internacionais. Entre os requirimentos que se piden para participar no concurso atópase o dunha duración que non vai alén dos 15 minutos e que non baixe dos 10. Aqueles directores que desexen optar ao premio deberán enviala en formato DVD, xunto cun documento xustificativo de ter a cesión de todos os dereitos de autor en propiedade.