O portal galego Buscadestinos aposta polos vídeos para presentar hoteis de toda España
xoves, 17 de xullo do 2008
O portal vigués buscadestinos.com (do que xa temos falado noutras ocasións con motivo dalgunha que outra novidade de mercado encamiñada a marcar diferenzas cos seus competidores en liña) está a ser obxecto dunha serie de melloras co fin de tirar proveito da máis ampla gama de recursos web posible. É neste senso, no de sacar partido das posibilidades actuais do dixital e no de distanciarse do resto das empresas do sector onde se insire precisamente o novo servizo presentado polos responsables do portal: unha achega de vídeos de hoteis que lles permite aos clientes do buscador galego ampliar o seu coñecemento sobre os detalles do establecemento no que teñen previsto aloxarse (situación, exteriores, equipo ou características da habitación seleccionada).
A inclusión deste servizo, accesible en YouTube e en buscadestinos.com, situaría a esta web galega como a primeira do Estado español que aposta por esta diversificación na feitura dos datos achegados, segundo informan os seus responsables, que, amais, teñen a intención de ir alén das 5.000 pezas audiovisuais penduradas. Por certo que para poder velas, só temos que facer clic na ficha do hotel que procuramos.
Segundo informa José Alcañiz, xerente de buscadestinos.com, esta nova ferramenta “supón un paso que marcará un antes e un despois no xeito de buscar e contratar servizos turísticos na Rede, xa que permite ao usuario do noso site facerse unha idea detallada de cómo é o establecemento hostaleiro no que vai pasar as súas vacacións”.
